SEMANA DE FRANCISCO E MARÍA ANA
Comezamos unha semana moi importante para todos os que formamos parte da Familia carismática de Franciscanas Ana Mogas: a semana de Francisco e María Ana.
María Ana Mogas, desde o comezo, quere seguir ao Señor ao estilo de Francisco de Asís, elixindo vivir o Evanxeo segundo a Regra da Terceira Orde Regular.
Toma da súa espiritualidade:
O cultivo da vinculación persoal en fe e amor co Altísimo Señor, Todo Ben, Sumo Ben, así como co seu Fillo: «suma bondade que merece ser amada, de infinitos amadores se os houbese».
A vivencia da fraternidade como proxecto de vida, desde a sinxeleza, a humildade e a acollida.
Un estilo de vida apostólica vinculado á tradición da Terceira Orde, servindo á Igrexa e ao mundo.
A importancia da oración como instrumento de encontro con Deus, para poder velo a través das persoas, dos acontecementos, das criaturas, da natureza…
Como puido aquel home do século XII inspirar a aquela moza 700 anos despois? María Ana, muller do seu tempo, viu as necesidades dos que tiña ao seu redor, en especial dos máis desfavorecidos. Por iso, comezou un carisma no que o coidado do irmán/a e a educación ás nenas era o centro da súa obra, sendo a nosa fundadora e as irmás mensaxeiras do amor de Deus. Así, atopa en María, Divina Pastora, o exemplo de entrega e servizo.
Hoxe o carisma de María Ana segue vivo nos lugares de misión da Congregación e nos colexios da Fundación Educativa Franciscanas Ana Mogas. Esta semana de celebración é un momento idóneo para dar grazas a Deus polo don recibido. As súas fillas, as Franciscanas Misioneiras do Divino Pastor, recolleron o testemuño de Maria Ana e entrégannolo a cada un de nós para que, no noso día a día, sigamos facendo realidade o seu legado: “Caridade, caridade verdadeira. Amor e sacrificio”.
Feliz Día de San Francisco!
Feliz Día de María Ana!