Por terceiro ano consecutivo retomamos o noso proxecto de Deporte e Sostibilidade. Un proxecto transversal co que buscamos a Educación Ambiental Integral dos nosos alumnos e alumnas.
No primeiro trimestre o noso traballo centrarase en adquirir hábitos de vida saudables, tendo como referencia os seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS):
- Obxectivo 2: Poñer fin á fame
- Obxectivo 3: Garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades.
- Obxectivo 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e ás nenas
- Obxectivo 12: Garantir modalidades de consumo e produción sostibles
- Obxectivo 17: Revitalizar a Alianza Mundial para o Desenvolvemento Sostible.
Así, acompañaranos o lema “CRECER SAN DEPENDE DE TI”, que estará presente nas distintas actividades que realicemos, para aprender eses hábitos que melloren a nosa calidade de vida e a nosa saúde.
O pasado 16 de outubro celebramos o Día Mundial da Alimentación. Unha xornada creada pola FAO en 1979 cuxo fin é acabar coa fame no mundo. Este ano, o seu obxectivo centrouse na concienciación sobre a importancia da auga. A auga é fundamental para as persoas, as economías e a natureza, ademais de ser fundamental para a nosa alimentación. Con todo, a auga non é un recurso infinito. Por iso debemos facer un uso responsable da mesma.
A súa presenza na nosa alimentación é insubstituíble. Por iso debemos coidar o medio ambiente, onde “brota” este ben sen o cal non podemos vivir e, na medida das nosas posibilidades, axudar a que todo o mundo teña acceso a este recurso natural.