"CONTA COMIGO"

 

 

 

 

Un neno sopra para facer virar un muíño. O muíño móvese só se sopra aire, ben sexa vento, ben o que nós producimos ao soprar. No noso cartel, o mozo únese ao vento para facelo virar. Vento e mozo aúnanse, colaboran para que as aspas viren con máis forza: CONTA COMIGO!

 

 É un traballo en equipo: o aire, o vento, o alento, provocan o movemento. Para que o meu grupo funcione, teña movemento, cada un ten que soprar. Non nos podemos quedar inmóbiles, nin ir en contra… Temos que crear lazos, unha auténtica unión, e soprar unidos e sincronizados, como nunha familia, creando FRATERNIDADE.

 

Ademais, o alento, o aire, o vento, son símbolos do Espírito Santo. Inspirou ás primeiras comunidades cristiás a compartir e levar a mensaxe de Xesús. Foi o motor que estivo presente tamén nas primeiras comunidades de irmás ao redor de María Ana. Grazas á súa acción, a familia de Franciscanas Ana Mogas continúa a súa andaina, como unha auténtica familia, levando a través dos nosos Colexios a mensaxe do amor de Deus.


  

Cada curso escolar o conxunto de colexios pertencentes á Fundación Educativa Franciscanas Ana Mogas traballa un obxectivo xeral que dá unidade á nosa tarefa educativa. Neste curso 2020-21, e seguindo os valores destacados na nosa Proposta Educativa, e que imos traballando de forma periódica, correspóndenos agora profundar no valor da FRATERNIDADE.

Como membros dunha comunidade educativa que segue a espiritualidade franciscana, comprometémonos a educar aos nosos alumnos no comportamento fraterno, tal e como queda recollido na nosa Proposta Educativa onde se afirma que nas nosas escolas ha de reinar un estilo de convivencia que aspira a unhas relacións fraternas baseadas no respecto, a empatía, a acollida e a sinxeleza. (2.1 PE).

 

É por iso que algúns dos nosos proxectos pastorais van encamiñados a cultivar a experiencia fraterna, que axuda a identificarnos como membros activos dunha familia, a de María Ana, chamados a ser axentes activos na construción do Reino de Deus, dende o carisma recibido.


Para iso, concretamos o noso obxectivo como segue:

 

“Recoñecernos a imaxe de Deus Pai, seres fraternos e integrados na Creación,

fundamentando as nosas relacións no amor, a liberdade e a xustiza”.
 

 

Como obxectivos específicos que temos que desenvolver durante todo o curso:

  • Profundar nos trazos que nos vincula á familia carismática de María Ana Mogas, vivindo o agasallo da fraternidade, como centro fundamental das nosas relacións interpersoais.
  • Recoñecer ao próximo como un irmán, que se merece o noso respecto, comprensión e apoio, tendo especial predilección polos máis vulnerables.
  • Estender, como franciscanos, o sentido fraterno a todos os seres creados, respectándoos e coidándoos.
Galician